«Lugo, provincia románica» en FITUR 2023
A Deputación promociona o románico da provincia na nova campaña que presentará en Fitur co actor Chechu Salgado.
Foto fonte: Gab. Com. Deputación

A Deputación de Lugo presentará a nova campaña de turismo da institución provincial, «Lugo, provincia románica», o vindeiro xoves 19 de xaneiro no stand de Turismo de Galicia na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebrará en Madrid a videira semana.

Unha campaña protagonizada polo actor Chechu Salgado, natural de Sober e que foi distinguido co Goya ao Mellor Actor Revelación no 2022. O vídeo que ten como obxectivo amosar o importante legado románico que atesoura o territorio lucense, tanto a riqueza artística como paisaxística, cunha coidada narración que mergulla ao visitante nunha viaxe ao mais puro estilo western. 

A banda sonora foi gravada nos Kollapse Studio de Lugo pola banda ribadense Beetle Judge.

O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, será o encargado de dar a coñecer as novidades desta campaña promocional nun acto no que tamén participará Chechu Salgado.

Con esta campaña darase a coñecer a aposta por un turismo cultural e paisaxístico, poñendo o foco no patrimonio como reclamo para os visitantes.

 “Levamos anos reforzando a promoción do patrimonio deste estilo arquitectónico co que conta a provincia de Lugo, un sinal de identidade e un poderoso reclamo turístico, ao redor do que artellar unha oferta de calidade, sostible, non masificada e de experiencias. Agora damos un paso máis e abandeiramos o románico como unha das nosas grandes apostas levándoo como principal atractivo a Fitur”, subliña José Tomé.

No marco da estratexia para potenciar o patrimonio románico como atractivo turístico da provincia de Lugo, a Deputación traballa na edición dunha guía turística con catro tomos que recolle os principais recursos deste estilo arquitectónico nas distintas comarcas.