Mural do artista lucense Manuel Pallín poñendo en valor a cultura castrexa. Representa unha guerreira ataviada con elementos característicos como arracadas, unha fíbula, colar castrexo e puñal de antena.
![](https://vivalugo.es/wp-content/uploads/2023/03/mural-cultura-castrexa.jpg)
Lugo contará cun gran mural do gran muralista lucense, Manuel Pallín (Concepto Circo), que se pintará nunha medianeira do edificio número 158 da Rolda da Muralla para poñer en valor a cultura castrexa lucense
Será unha guerreira castrexa a que se representará, ataviada cos elementos característicos como son as arracadas (pendentes femininos), unha fíbula como pasador da roupa, un colar castrexo e un puñal de antena.
Manuel Pallín estivo asesorado para este traballo pola directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, e polo arqueólogo Enrique Alcorta.
A obra conta xa coa autorización de Patrimonio e estará pintada cunha gama cromática de grises e beiges para ser respectuosos coa contorna da Muralla, Patrimonio da Humanidade,
![](https://vivalugo.es/wp-content/uploads/2023/03/manuel-pallin-mural.jpg)
A rexedora, Lara Méndez destacou que “con este mural queremos, ademais, amosar o papel que as castrexas tiveron hai 2.000 anos na defensa da súa terra dominada entón polos romanos, pero tamén o protagonismo das mulleres no Arde Lvcvs, con catro asociacións formadas integramente por mulleres e unha presenza e participación superior ao 40% en todas as celebracións”.
Neste senso, lembrou que, no 2021, Lugo recibiu o galardón Tourism Women Friendly, promovido pola organización Mujeres para el Diálogo y la Educación (MDE), pola visibilización da muller nesta festa de recreación histórica.