O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o cineasta Oliver Laxe asinaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración a través do cal a institución provincial achega 36.000 euros á sede da Asociación Ser, que promove o director da película O Que Arde, para financiar as obras de construción dun edificio de baixo consumo enerxético na aldea de Vilela, en Navia de Suarna.

“Na Deputación de Lugo apostamos por proxectos coma este, que favorecen o desenvolvemento sostible do rural poñendo en valor os recursos naturais, patrimoniais e culturais da provincia”, subliñou José Tomé.

As obras financiadas polo organismo provincial servirán para construír o primeiro inmoble privado de uso público construído en Galicia baixo o estándar Passivhaus. Será a sede da asociación Ser, unha entidade promovida por Oliver Laxe en Navia para impulsar actividades
socioculturais e accións de desenvolvemento rural nos Ancares.

Os traballos consistirán na mellora do illamento térmico da cuberta, a dotación dunha soleira no chan, novas cristalarías e tamén na instalación dun sistema de ventilación con recuperación de calor. Esta tipoloxía de casas pasivas, passivhaus, garanten o benestar e confort térmico subministrando a enerxía para a calefacción e refrixeración só a través do aire de ventilación. Manteñen o interior coas condicións atmosféricas ideais e cun aforro enerxético que pode acadar o 90% respecto a unha vivenda convencional, ademais de minimizar as emisións de gases contaminantes á atmosfera.

O centro que albergará a sede da Asociación Ser é unha antiga casa familiar ligada a unha explotación agropecuaria e forestal de subsistencia, típica das montañas lucenses, situada na aldea abandonada de Vilela, entre os concellos de Navia de Suarna e Cervantes. Con 350 m2 repartidos en dúas plantas, foi edificada a finais dos anos sesenta sobre os restos dunha palloza e está situada nun fermoso conxunto de arquitectura local.

A Casa Quindós de Vilela que o director de cine Oliver Laxe está a reconstruír disporá de espazos abertos ao público nos que o recoñecido cineasta, neto do último residente na vivenda, promoverá actividades culturais e accións de desenvolvemento rural abertas á participación social da veciñanza. Servirá de punto de encontro para promover desde o centro iniciativas ligadas aos sectores agrogandeiro, turístico, sociocomunitario, cultural e ambiental nos Ancares e xerar proxectos empresariais, produtivos e non produtivos, que contribúan ao asentamento de poboación no rural.

Asociación Ser

A Asociación Ser naceu en Lugo en 2017 da man e do impulso do cineasta Oliver Laxe, con orixes en Navia de Suarna, coa finalidade de protexer e revivir o rural nos Ancares, respectando e protexendo o patrimonio arquitectónico, paisaxístico e tradicional e defendendo o medio ambiente. A primeira acción que desenvolveu esta entidade non lucrativa foi a rodaxe da película de éxito O que arde, filmada nos concellos de Navia de Suarna e Cervantes ao longo de 2018, estreada e premiada no prestixioso festival de cinema de Cannes en 2019, gañadora de dous premios Goya, e que bateu records de venda de entradas converténdose na película en lingua galega máis vista da historia.