Fonte: Gab. Com. Vicepresidencia Deputación de Lugo

A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acolleu este venres o acto de entrega de premios do I Certame Escolar de Ilustración IlustrarNÓS convocado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo o pasado 30 de xaneiro, coincidindo coa celebración do Día da Ilustración en Galiza.

Enma García Sánchez, do CEIP Rosalía de Castro, Carla Herrero Morejón, do Colexio Fingoi , e Mariña Dafonte Paz, do IES San Xillao, foron as gañadoras do certame nas categorías 5 e 6 de Primaria, 1 e2 da ESO e 3 e 4 da ESO, respectivamente.

Os seus traballos foron elixidos entre os 188 remitidos á área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo desde centros de toda a provincia. As obras debían tomar como referencia citas de Alfonso Daniel R. Castelao, propostas nas bases do certame para as diferentes categorías, en función das idades.

O alumnado de 5 e 6 de Primaria foi convidado a crear arredor da cita “- Que comerá o rei? -comerá…comerá…zucre”. Para o alumnado de 1 e 2 de
ESO, o texto proposto foi “Vale m áis unha terra con árbores nos montes ca un Estado con ouro nos bancos”. O estudantado de 3 e 4 de ESO tiña como referencia “Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”.

Da valoración das obras encargouse un xurado formado pola ilustradora Beatriz Lema, a deseñadora gráfica Belen Freijeiro e o vicedirector da EASD Ramón Falcón, Alejandro Carro, que basearon o seu fallo na
orixinalidade e a creatividade á hora de interpretar a cita proposta, a técnica e composición da imaxe ou a súa achega narrativa.

As autoras das obras gañadoras foron agasalladas cun Ipad con aplicacións de deseño gráfico e cun lote de libros (álbum, banda deseñada e novelas gráficas) elixidos entre as novidades literarias en galego e axeitadas a idade de cada participante.

A vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro, que entregou os premios xunto a Beatriz Lema e Felipe Rivas, concelleiro de Educación de Lugo,
agradeceu ao alumnado e profesorado a boa acollida desta primeira edición do certame, nun ano especialmente complicado para toda a comunidade educativa pola Covid 19” e adiantou a convocatoria dunha nova edición para o vindeiro ano.

O acto contou coa presenza de familiares e docentes das alumnas premiadas e o acompañamento do mestre, escritor e monologuista Lois Pérez.