Programación cultural no Cemiterio Municipal San Froilán enmarcada na celebración do 1 de novembro.

O domingo 29 de outubro e o mércores 1 de novembro, o Cemiterio encherase de música durante todo o día, coas agrupacións da asociación Músico Crisanto realizando distintos concertos entre as 11:30 e as 13:30, e pola tarde de 16 a 18 horas.

Na xornada do mércores 1 de novembro, repetirase a iniciativa da árbore da luz, posta en marcha pola Tenencia de Alcaldía o ano pasado e que foi un éxito entre todas as persoas que visitaron o cemiterio nestas datas.

Todas as persoas que se acheguen poderán deixar as súas mensaxes para as e os defuntos a través de cintas que se colgarán da árbore instalada na entrada do cemiterio.

As actividades continuarán co «Concerto da Lembranza», que será o mércores 08 de novembro ás 18:30.

As lecturas dramatizadas de «Don Juan Tenorio», a cargo de Palimoco Teatro, terán lugar o xoves 9 a partir das 20:30, e o domingo 19, con dous pases ás 17:30 e ás 20:30.

As entradas para ambas representacións teatrais poderanse retirar na Oficina de Turismo da praza do Campo, ou reservarse chamando ao Cemiteirio.

O IX Concurso de Fotografía Estampas de Paz e Acougo  versará sobre a simboloxía oculta que se reflicte nas construcións funerarias dos cemiterios. Pode consultarse máis información contactando coa área de Participación.

Na propia xornada do 1 de novembro, ademais dos días 30 e 31 de outubro reforzarase o bus urbano que conecta o centro co Cemiterio, habilitando liñas especiais comunicando de xeito continuo o Cemiterio coa rolda da Muralla.

Rubén Arroxo, Tenente Alcalde do Concello de Lugo, xunto con Cristina López, concelleira Participación e Servizos para a Veciñanza, presentaron as actividades que se realizarán no Cemiterio. Foto: Gab. Com. Área Participación.