O guía e dinamizador cultural lucense Guido Álvarez formará parte do proxecto “Naturalmente” da UNED Lugo dentro do seu compromiso decidido coa sostibilidade e seguirá avanzando nos seus obxetivos de sensibilización ambiental e posta en valor do patrimonio natural e a loita fronte ao cambio climático alineado coa Axenda2030.

Dentro da colaboración entre Guido Guía e a UNED Lugo vaise a poñer en marcha unha nova actividade para a UNED Senior lucense que se presentará este mesmo mes:  “Viaxar na nosa cidade”. Con este curso Guido pretende levar á universidade, desta vez como formador, a súa filosofía e modo de entender o mundo das viaxes: “desprazarse lonxe é necesario ou positivo de cando en vez, pero sempre en alternancia co descubrimento e posta en valor dos lugares onde vivimos e as nosas contornas”, di o guía lucense.

 “Levo cinco anos apostando por isto en Lugo dende que volvín no 2015… como axente de viaxes primeiro, e como guía despois. O turismo de proximidade é algo sobre o que aprendín moitísimo en Francia, pero tamén nas miñas etapas en Alemaña, Inglaterra e Italia. Considero que é unha aposta que vai máis alá da economía e do turismo… apreciar os lugares onde vivimos é cultura, e tamén felicidade”.

Guido ven dun percorrido académico amplo como alumno, como estudante de intercambio internacional, como investigador, como titor de prácticas, como doutorando… e nestes últimos anos como organizador de actividades de integración para toda a comunidade estudantil en Lugo. Universidade da Coruña, Università degli Studi di Teramo (Italia), Universidade de Santiago de Compostela, Universitè Jean Monnet (Francia), Università Federico II (Italia) e a Universität Stuttgart (Alemaña) foron os pasos previos a este novo momento: “Este vínculo coa UNED é unha nova gran porta e agardo que a nosa relación dure moitísimos anos, ou, porqué non, toda a miña vida. A min gustaríame estar sempre ligado ó mundo da formación”