A Rede Museística Provincial de Lugo presentou este o programa de actividades didácticas para o curso 2026-2027, baixo o lema “Aprender a mirar, aprender a escoitar”
A oferta educativa, con propostas pensadas para as distintas etapas desde Infantil até Bacharelato, artéllase arredor de tres eixos: os fondos permanentes dos museos provinciais – tanto artísticos como arqueolóxicos-, o aproveitamento didáctico das exposicións temporais – que permitirá incorporar novas propostas cada trimestre – e os recursos da plataforma virtual Museo da Migración da RMPL.
PROGRAMA
Os simbolismos e significados da cor, a evolución das técnicas pictóricas, a historia da medición do tempo, procesos naturais como a polinización, a Romanización, a evolución da sociedade lucense ao longo do século XX, as desigualdades sociais e de xénero, as migracions ou acontecementos históricos como as Revoltas Irmandiñas son algúns dos contidos en que o estudantado poderá afondar a través das propostas didácticas, flexibles e adaptables ás necesidades dos grupos, incorporando diferentes linguaxes, ritmos, capacidades e formas de relación co patrimonio.
Iria Castro subliñou “o importante traballo que realiza a Rede Museística ano tras ano para crear vínculos coa comunidade educativa e ofrecer propostas e materiais que relacionan as coleccións e espazos do museo coa súa propia vida e procesos de aprendizaxe, e que contribúen tamén a sensibilizar na conservación do patrimonio e da memoria”.
Encarna Lago resumiu a premisa que inspira o novo catálogo educativo, que sitúa os museos como “espazos de polinización cultural, educativa e social”, nos que adquirir “coñecementos e experiencias que reforcen a comunidade e favorezan a diversidade cultural”. “Esta programación non pretende ensinar unicamente que é unha peza arqueolóxica, quen pintou un cadro ou en que século foi creado un determinado obxecto. Queremos ir máis alá. Que unha peza nos leve a unha persoa; que unha persoa nos leve a unha historia; que unha historia nos leve ao territorio; e que o territorio nos leve a nós mesmos e á responsabilidade de coidalo”, expuxo.
O catálogo completo está dispoñible en www.comunidadermpl.es. Poden realizarse consultas e concertacións no enderezo electrónico
concertacionsrmp@gmail.com






