A deputada de Cultura Iria Castro, a xerente da Rede Museística Encarna Lago ea directora do Museo Provincial de Lugo Aurelia Balseiro presentaron o catálogo de actividades na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos, coincidindo coa montaxe da exposición “500 Mulleres na arte” de Concha Mayordomo que centrará parte das propostas didácticas para este primeiro trimestre. Foto: Gab. Com. Cultura Vicepresidencia Deputación de Lugo.

A Rede Museística Provincial de Lugo presentou este o programa de actividades didácticas para o curso 2026-2027, baixo o lema “Aprender a mirar, aprender a escoitar”

A oferta educativa, con propostas pensadas para as distintas etapas desde Infantil até Bacharelato,  artéllase arredor de tres eixos: os fondos permanentes dos museos provinciais – tanto artísticos como arqueolóxicos-, o aproveitamento didáctico das exposicións temporais – que permitirá incorporar novas propostas  cada trimestre – e  os recursos da plataforma virtual Museo da Migración da RMPL.

PROGRAMA

Os simbolismos e significados da cor, a evolución das técnicas pictóricas, a historia da medición do tempo, procesos naturais como a polinización, a Romanización, a evolución da sociedade lucense ao longo do século XX, as desigualdades sociais e de xénero, as migracions ou acontecementos históricos como as Revoltas Irmandiñas son algúns dos contidos en que o estudantado poderá afondar a través das propostas didácticas, flexibles e adaptables ás necesidades dos grupos, incorporando diferentes linguaxes, ritmos, capacidades e formas de relación co patrimonio.

Iria Castro subliñou “o importante traballo que realiza a Rede Museística ano tras ano para crear vínculos coa comunidade educativa e ofrecer propostas e materiais que relacionan as coleccións e espazos do museo coa súa propia vida e procesos de aprendizaxe, e que contribúen tamén a sensibilizar na conservación do patrimonio e da memoria”.

Encarna Lago resumiu  a premisa que inspira o novo catálogo educativo, que sitúa os museos como “espazos de polinización cultural, educativa e social”, nos que adquirir “coñecementos e experiencias que reforcen a comunidade e favorezan a diversidade cultural”. “Esta programación non pretende ensinar unicamente que é unha peza arqueolóxica, quen pintou un cadro ou en que século foi creado un determinado obxecto. Queremos ir máis alá. Que unha peza nos leve a unha persoa; que unha persoa nos leve a unha historia; que unha historia nos leve ao territorio; e que o territorio nos leve a nós mesmos e á responsabilidade de coidalo”, expuxo.

O catálogo completo está dispoñible en www.comunidadermpl.es. Poden realizarse consultas e concertacións no enderezo electrónico 
concertacionsrmp@gmail.com