Convocadas as Residencias Paraíso en O Vello Cárcere

As agrupacións interesadas poden consultar as bases na web do Colectivo RPM, e o prazo de inscrición para optar a unha das 9 bolsas remata o 26 de febreiro

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou unha nova convocatoria das Residencias Paraíso que se celebrarán entre abril e outubro deste 2024 nas instalacións do Vello Cárcere de Lugo. 

 “Un proxecto co que o Concello de Lugo leva colaborando nos últimos anos e que permite tanto dar unha grande promoción á nosa cidade entre as e os artistas de toda a península como achegar a Lugo a agrupacións de gran calidade para que desenvolvan aquí os seus proxectos”, explicou a concelleira.

 Ferreiro informou de que este programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas “está dirixida a artistas de Galiza, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas”.

Foto: Gab. Com. Cultura Concello de Lugo

 As Residencias Paraíso pretenden fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor de novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística mentres se normaliza o concepto de residencia artística, “fundamental para o presente e o futuro da cultura galega”, insistiu a concelleira de Cultura.

As interesadas poderán presentar a súa proposta até o 26 de febreiro e un comité de expertas valorará a integridade artística do proxecto, a relación entre a proposta e o territorio e as prácticas de programación que arroupen a residencia. Os proxectos seleccionados neste 2024 serán anunciados a mediados do mes de marzo, rematou Maite Ferreiro.

 Info e inscricións: https://bit.ly/convo-residencias-paraiso-2024