Cine gratis na Deputación de Lugo polo Día do Cinema Español
A Deputación de Lugo festexará este venres, 6 de outubro, o Día do Cinema Español con proxeccións gratuítas e abertas ao público durante todo o día no Pazo de San Marcos.

A institución provincial súmase así á programación para este día do Ministerio de Cultura e Deporte que, a través do Instituto da Cinematografía e das Artes  Audiovisuais (ICAA), mobiliza ás deputacións e concellos de todo o país para reivindicar de maneira colectiva o peso e a importancia do cine como patrimonio cultural e xerador dunha identidade e imaxinario comúns, ademais de emprego e actividade económica.

Proxectaranse tres películas da Filmoteca Española: Embrujo, Valentina e Las Niñas, ademais de audiovisuais realizados polo alumnado do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo como recreacións de secuencias de cine español, documentais sobre o mundo do cine, ou producións propias.

O obxectivo desta homenaxe ao cine é recoñecer o papel das e dos cineastas e a súa influencia e importancia na vida cultural, social e económica do país, así como o valor patrimonial do cine. A data elixida, este 6 de outubro, correspóndese co día oficial do final da produción de Esa pareja feliz (1953).

Talento lucense

Nas proxeccións que fará a Deputación neste día dáselle moito peso ao talento do alumnado do Centro de Formación Audiovisual. No curso pasado realizaron dúas importantes producións: Amor Viaxeiro e No se oye, que foron aclamadas pola crítica. Cabe destacar que Amor Viaxeiro vén de ser galardoada como a Mellor Película Lucense na 45ª Semana do Cine de Lugo, ademais de resultar premiada por Netflix e Turespaña; e No se oye resultou gañadora á mellor curta documental no Festival Internacional de Cine de Ponferrada.

Ademais, verase a película Valentina, dirixida pola galega Chelo Loureiro e que conta co Premio Goya á Mellor Película de Animación en 2021. Outro bo exemplo de que en Galicia e na provincia de Lugo existe unha boa canteira de profesionais do mundo audiovisual.

Programación

11:15 Apertura do acto
11:30 Embrujo
12:45 Secuencias do alumnado: El año de la garrapata e El autor
12:50 No se oye
13:20 Secuencias do alumnado: Amanece que no es poco e Promoción fantasma
13:25 Amor viaxeiro
13:35 Secuencias do alumnado: Tesis 1, Magical girl 1
13:40 Noso zinema
14:30 Secuencias do alumnado: XXL, Paquita Salas, Crimen ferpecto, A cambio de nada, Tesis 2, Magical girl 2
14:50 No se oye
15:20 Amor viaxeiro
15:25 Back to the TIC
16:00 Las niñas
17:40 Valentina