Proxecto audiovisual lucense gaña un concurso de Netflix e Turespaña. "Amor viajero. Un viaje para el recuerdo", dun grupo de alumnos e alumnas do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo gañou un dos cinco premios do "I Concurso Cómo dirías que es España sin decirlo."

O proxecto, titulado Amor viajero. Un viaje para el recuerdo foi premiado con 7.000€, que deberán destinase a producir, filmar e postproducir a curta antes de que remate este ano 2022.

Lucas Alba, Mario Bello, Miguel Bouzas, Sara Casanova, Erea Díaz, Mateo Longa e Paula Vilariño, que veñen de rematar o primeiro curso de Realización no centro lucense, presentaron o pasado 14 de xuño a súa idea a responsables de Netflix e Turespaña nun pitch no que contaxiaron o seu entusiasmo. Isto foi definitivo para que Amor viajero resultara finalmente premiado, xunto cos proxectos dos centros de Langreo, Zaragoza, L’Hospitalet e Granada.

Unha viaxe pola memoria

Ao longo do curso os estudantes compatibilizaron as súas obrigas académicas coa elaboración dun proxecto que se adaptase ás bases do concurso organizado por Netflix e Turespaña.

Debía plasmar a esencia de España, das súas xentes, paisaxes, tradicións ou gastronomía, amosando formas de vida sostibles que coiden o medio ambiente, a economía e o patrimonio socio-cultural. 

Os alumnos, supervisados polo seu titor, Hugo Fernández, escribiron unha emocionante historia na que, ademais do aspecto turístico, abordan outros asuntos, como o Alzheimer e a visibilidade LGTBI.

Amor viajero conta a historia de Eugenia, unha anciá que comeza a ter problemas de memoria. Cando a súa neta atopa unas vellas fotografías da súa mocidade parece recuperar a lucidez. Como terapia, a rapaza decide percorrer os destinos das fotografías replicándoas para estimular os recordos da súa avoa, entre os que xurde un amor de xuventude.

Pasos para a elaboración da curta

O proxecto realizarase baixo a supervisión do Centro e dos organismos convocantes. Ata o próximo mes de outubro levarase a cabo a produción da curtametraxe. A fase de postprodución terá lugar entre outubro e decembro de 2022. Os equipos seleccionados editarán as curtas e realizarán todo o acabado posterior necesario para entregar pezas de alta calidade ao final do proceso. Os audiovisuais deberán estar rematados antes do 5 de decembro.