Remata o Universo David Lynch con Unha historia verdadeira

Algo máis dun mes despois de ter iniciado unha das propostas máis arriscadas de Codex, chega a súa fin o ciclo retrospectivo adicado a David Lynch, un dos maiores (senón o máis grande) cineasta americano do último medio século. 

Unha historia verdadeira, o último filme desta selección de obras maxistrais, é se cadra a película máis estraña dentro dunha filmografía marcada pola pegada onírica e a interpretación dos soños e pesadelos máis retorcidos. Por contra, Unha historia verdadeira é un filme luminoso e vitalista, sobre un home que na súa vellez decide realizar unha viaxe no seu cortador de céspede para recuperar a relación co seu irmán doente.

Pese a estar lonxe dos rexistros habituais de Lynch e igualmente unha obra imprescindible que recibiu aclamación universal pola súa mirada humanista e conmovedora sobre as relacións persoais e o final dunha vida. 

O filme presentouse no festival de Cannes de 1999 e o actor Richard Farnsworth converteuse nunha celebridade aos seus 78 anos, chegando a conseguir unha candidatura a mellor actor nos Óscar de Hollywood.