O Museo Universitario A Domus do Mitreo está a ampliar a súa exposición permanente coa incorporación de novas pezas ata agora descoñecidas que outorgan se cabe un maior relevancia ao mundo romano no conxunto do xacemento arqueolóxico situado ao pé da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo.

A ampliación dos fondos exhibidos nas dependencias museísticas da Domus do Mitreo está a avanzar de forma paseniña grazas a unha colaboración co Museo do Castro de Viladonga, segundo indicou a directora do Museo Universitario A Domus do Mitreo, Dolores Dopico Caínzos.

Foto: Gab. Comunicación Campus Lugo

A tamén profesora da área de Historia Antiga da USC explicou neste senso que todo o material arqueolóxico descuberto durante os labores de escavación realizados no solar que agora ocupa o Museo Universitario A Domus do Mitreo entregouse á Xunta de Galicia, nomeadamente ao depósito xestionado polo Museo do Castro de Viladonga, cuxo equipo de restauradores xa completou a recuperación dalgunhas pezas de cerámica, vidro e metal que se atopaban “nun estado penoso”.

Unha vez rematados os traballos de restauración, as pezas xa restauradas retornan ás vitrinas da sala de exposición do Museo Universitario A Domus do Mitreo, onde, na actualidade, xa se poden ver unha ánfora, “cuxa restauración foi pouco menos que un milagre”, sinala Dopico, así como algunhas moedas e diversas pezas metálicas soltas.

“A exposición irá ampliándose co paso do tempo”, explica Dolores Dopico, que logo de considerar “moi complexo e laborioso” o proceso de recuperación deste material arqueolóxico, comentou que “aínda que xa recibimos unha parte do material, aínda faltan moitos elementos de cerámica e todo o vidro”.