O Vello Cárcere - Exposición de Miguel Núñez

Inaugurouse no Centro Cultural do Vello Cárcere a exposición Metal e madeira. Ollada e tacto do artista Miguel Núñez. Acompañou ao artista na inauguración o edil de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, que sinalou que «un dos retos asumidos do Vello Cárcere como centro cultural é ofrecer un espazo de divulgación artística que dea cabida a artistas que asumen como reto creativo a experimentación». A mostra de Miguel Núñez é un bó exemplo do compromiso artístico do autor co esa experimentación no proceso creativo. Esta exposición ocupa as Celas de Mulleres e poderase visitar ata o 18 de abril.

Miguel Núñez, que conta cunha traxectoria de máis de 25 anos, preséntanos unha escolma de pezas moi persoal, coa que establece un diálogo entre materias, a madeira e o metal, para confluir nunha mestura de volumes e texturas que cobran formas sorprendentes, ben en escultura, ben en pintura. Rivas sinalou que «este xogo dicotómico acaba derivando nunha harmonía narrativa que conxuga a esencia da obra artística coa experiencia contemplativa do espectador». Na exposición o expectador convirtese nun elemento activo, cómplice e partícipe no proceso creador. A intención do artista reflíctese na propia elección do título da mostra.