Exposición das artistas lucenses Concetta Montenegro e Luisa Paz.
A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acolle desde este martes 29/08 a mostra «(Re)coñecer», que forma parte do proxecto «278,81% de sabedoría» da Rede Museística Provincial de Lugo. 

A exposición, que  forma parte do proxecto “278,81 % de sabedoría” da Rede Museística Provincial, amosa as obras e recoñece a traxectoria das artistas, dúas irmás que pintan desde nenas e sempre compatibilizaron
seu traballo coa formación en pintura.

A deputada de Cultura Iria Castro sinalou que “a mostra se encadra na aposta pola museoloxía social da Rede Museística Provincial, que pon as persoas no centro da súa programación artística e cultural” e valorou “a colaboración das artistas co proxecto 278,81 % de sabedoría que reflexiona sobre a forma na que se concibe a vellez”.

278,81 % de sabedoría

O proxecto  “278,81% de sabedoría” pretende poñer en valor a acumulación de vivencias, coñecementos e experiencias que teñen as  persoas maiores
de 64 anos a través da arte e da creación cultural.

Tomando como referencia o  índice de envellecemento poboacional da provincia – a porcentaxe de adultos maiores de 64 anos que residen na provincia
por cada 100 menores de 16 anos –, o proxecto  convida a deterse sobre este dato estatístico destacando a sabedoría que acumula o tecido social.

“Desde a Rede Museística poñemos a vellez no lugar que lle corresponde como tesouro de coñecementos acumulados, unha riqueza intanxible que merece ser valorada e compartida. Como bibliotecas vivas da nosa historia que teñen moito legado que deixarnos, a súa sabedoría a súa experiencia”, sinalou a xerente da Rede Museística Encarna Lago.

Nese marco, tras a inauguración da mostra, presentouse un novo capítulo da web serie documental “Historias soterradas. Ronsel de futuro”, dirixida por Rubén Pérez Pombo e Brian Rodríguez Cortiñas, co título “A mirada dos sentidos”.