A Vicepresidencia da Deputación de Lugo renovará a Sección de Numismática e Medallística do Museo Provincial de Lugo para expoñer de forma permanente o sestercio da caetra e mellorar a protección, conservación e comunicación das pezas expostas.

O sestercio da caetra é unha peza case única, da que só se coñecen outros dous exemplares no mundo, e qeu ten a proteccion BIC desde 2022. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo adquiriiuna a un coleccionista privado, xunto o a outras seis pezas de baixa emisión, suevas e visigodas.

Tras a catalogación e conservación das novas pezas, recepcionadas o pasado mes de agosto, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo levará a cabo esta reforma que porá a disposición da cidadanía este patrimonio, nun entorno museográfico dinámico, didáctico e contextualizador.

Ademais de mostrar as pezas recén adquiridas e incrementar a superficie expositiva, a intervención incluirá a renovación das vitrinas, da iluminación e da sinaléctica, a instalación de pantallas para proxectar imaxes 3D das moedas senlleiras, unha mesa de accesibilidade, a integración dunha máquina para realizar moedas e un novo sistema de seguridade antirroubo compatible co do Museo Provincial de Lugo.

O sestercio da caetra ou sestercio de Augusto é peza de bronce, de 38.07 gramos, coa cabeza de Augusto no anverso, e o escudo da caetra -escudo dos galacios presente nas esculturas de guerreiros atopadas en Galiza e no norte de Portugal- , no reverso.  A súa cuñación atribúese a un taller móbil do campamento militar que deu orixe á cidade de Lugo, no século I a.C..

Xunto ao sestercio da caetra, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo adquiriu un lote de seis moedas -dúas suevas e catro visigodas- de baixa emisión, que ampliando e completando a colección numismática do Museo Provincial de Lugo, unha das máis importantes do Estado, cunhas 10.000 moedas e medallas de distintas etapas históricas.

A deputada de Cultura Iria Castro e a directora do Museo Aurelia Balseiro, acompañadas polo arqueólogo do centro, Enrique Alcorta, presentaron o proxecto. Foto: Gab. Com. Vicepresidencia Deputación de Lugo.

Iria Castro explicou que  “a renovación comezará a desenvolverse a comezos do vindeiro ano, culminando o traballo desenvolvido  pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo hai xa máis dun ano para adquirir e incorporar ao patrimoino público o sestercio da caetra, de grande valor histórico e simbólico para Lugo e para Galiza”

A deputada remarcou que “a reforma pretende  revalorizar a colección numismática do Museo Provincial de Lugo, unha das máis importantes do Estado, actualizando o espazo expositivo e poñendo a disposición da cidadanía  esta peza única, que reforza o posicionamento do museo e da cidade como un referente internacional no estudo da romanización”.

Aurelia Balseiro destacou que “ a museografía reforzará o carácter didáctico do espazo expositivo, con imaxes e elementos gráficos que incidan na relevancia das moedas desde o punto de vista histórico, e avanzará na configuración do Museo como espazo inclusivo, con recursos para facilitar a accesibilidade a todas as persoas”