A revista Unión Libre. Cadernos de vida e culturas, que este ano cumpre un cuarto de século coordinada polos escritores Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, acaba de publicar un caderniño especial dedicado ao tan querido lucense Xesús Pérez Regueiro, responsable da Galería Sargadelos de Lugo.

Xesús Pérez Regueiro acolleu durante décadas as presentacións de Unión Libre en Lugo, cuxos números monográficos xiraron en torno a temas
universais como o amor, a paz, a muller, o erotismo, o cine, a música, o
celtismo e a memoria histórica sempre dende unha perspectiva galega. A el se deberon os espectaculares escaparates interartísticos que combinaban os libros coa cerámica e coas obras de arte expostas na galería, así como as sempre agarimosas benvidas e cordiais despedidas nos numerosísimos actos que tanta vida cultural deron a Lugo.

A homenaxe inclúe decenas de fotos de moi variadas presentacións,
protagonizadoas por intelectuais e artistas de moi diversas procedencias, así como cinco textos debidos a outros tantos membros do consello de Unión Libre amigos de Xesús Pérez Regueiro: a poeta Olga Novo, a ensaísta María Lopo, a profesora neoiorquina Diana Conchado e os citados escritores Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer. Este último dedícalle un poema no que o define como “gran cabaleiro”, “discípulo de Isaac”, “propagador da cultura” e tan “xeneroso” como “obsequioso”.

A revista "Unión Libre" homenaxea ao responsable de Galería Sargadelos de Lugo
Foto: revista Unión Libre