A Banda Filharmónica de Lugo celebra os seus 10 anos cun concerto. 
Será o Sábado, 2 de decembro de 2023 ás 20:00 h. no Círculo das Artes de Lugo
Programa:

Franco Cesarini (1961):  Bulgarian Dances (selección)

Mark Camphouse (1954):  Watchman, Tell us of the Night

Albert Ketelbey (1875-1959): The Clock and the Dresden Figures

Bill Whelan (1950) / arr. Johan de Meij  (1953): Riverdance

Carlos Marques (1973):  Lusitanidades (selección)

Robert Sheldon (1954):  Danzas Cubanas

A BANDA FILHARMÓNICA DE LUGO créase  no 2013 por iniciativa do seu director Iván Martínez Sabio e outros músicos da cidade e co apoio da Sociedad Filarmónica de Lugo e o Conservatorio Profesional Xoán Montes. 

Ao longo destes 10 anos alternou unha programación anual ordinaria na cidade con concertos en diversas localidades de España e Portugal, a agrupación foi dirixida por directores invitados, realizou cursos de dirección e gravou un disco. 

Antes da pandemia contaba coa Banda Infantil/Xuvenil, Coro de Nenos e organizaba un Obradoiro Musical para rapaces todos os veráns (actividades que pretende retomar proximamente). 

Na actualidade ten a súa sede nas instalacións da Casa de Exercicios que xentilmente cede o Bispado de Lugo.

 

IVÁN MARTÍNEZ SABIO naceu en Ortigueira (A Coruña) en 1981. 

Comezou os seus estudos musicais de clarinete e piano no seo da Banda-Escola do pobo e na academia Maruxa Lema. 

Os estudos medios realizounos no Conservatorio de Viveiro con F. Javier Vidal Suárez (clarinete) e Eloisa Pérez Lage (piano). 

Os estudos superiores cursounos no Conservatorio Superior da Coruña con Carlos Casadó (clarinete) e Natalia Lamas, Elena Segura e Ana Poghosian (piano). 

Posteriormente realizou un máster en interpretación e análise na Universidade de Oviedo con Javier Balaguer (clarinete) e Ramón Sobrino (análise). Tamén se formou na dirección musical con J. R. Pascual Vilaplana. 

Ao longo destes anos asistiu a clases con grandes intérpretes de piano, clarinete, música de cámara e dirección e realizou concertos como solista e como director en varios países. 

Dende o 2009 é profesor de clarinete no Conservatorio Profesional de Lugo e dirixe dende a súa fundación a Banda Filharmónica. No ano 2021 publicou a revisión para banda da obra Fantasía Sobre Aires Gallegos de Juan Montes.