A Orquestra Matosinhos completa o programa do Festival de Jazz de Lugo
O concerto enmárcase dentro da programación da cidade como Capital da Cultura.

O concerto, que terá lugar o próximo  domingo día 19 – 19:30 horas – Círculo das Artes, e que servirá para poñer o broche de ouro na clausura desta 33ª edición, enmárcase dentro da programación da nosa cidade como Capital da Cultura do Eixo Atlántico. A entrada será de balde ata completar o aforo.

“A Orquestra Jazz de Matosinhos é un referente a nivel internacional, non só pola súa calidade musical extraordinaria, senón polo seu labor como motor cultural no país veciño, polo seu impulso a xente nova e aos novos valores musicais e tamén polo seu arduo traballo educativo coas crianzas”, sinalou Alberto Grandío, da organización do Festival de Jazz, quen destacou así mesmo a contribución da orquestra a conservación do repertorio luso e a divulgación do jazz portugués a nivel internacional.

Orquestra Jazz de Matosinhos

Actualmente baixo a dirección artística de Pedro Guedes, a Orquestra Jazz de Matosinhos (OJM), á parte de cumpri-lo papel de Orquestra Nacional de Jazz de Portugal, é un ente multidisciplinar que funciona como institución sen ánimo de lucro co obxecto de promove-la creación, a investigación, a divulgación e maila educación no campo do jazz

Como Orquestra Nacional de Jazz, a OJM presenta repertorios de tódolos estilos e épocas, aqueles que activaron a súa presenza habitual nos escenarios das principais cidades de Europa e Estados Unidos, entre elas Barcelona (residencia de catro anos no Festival Internacional de Jazz Voll Damm de Barcelona), Belgrado, Bruxelas, Marsella, Viena, Milán, Boston e Nova York. En Nova York, precisamente, a OJM obtivo residencias nos clubs Birdland, Jazz Standard, Jazz Gallery e Blue Note e foi a primeira formación de jazz portuguesa en participar nun festival norteamericano. 

O prestixio acadado nos seus máis de vinte e cinco anos de existencia foi parello á edición de numerosos e laureados discos: Orquestra Jazz de Matosinhos invita a Chris Cheek (Fresh Sound New Talent, 2006); Portology (Omnitone, 2007), con Lee Konitz; Our Secret World (WomMusic, 2010), con Kurt Rosenwinkel; Moras y Frambuesas (Universal Music, 2011), con Maria João…

Para celebra-la súa vinda á XXXIII edición do Festival, nada como volver ós inicios. A creación dun repertorio orixinal a partir das composicións dos seus directores musicais Pedro Guedes e Carlos Azevedo (dous nomes ineludibles na transformación do panorama jazzístico luso) segue a ser un dos primeiros e máis sobresaíntes obxectivos da OJM.