Concerto pola Muralla de Lugo – «O cantar da nosa lingua»,  unha proposta do Coro do Hospital de Lugo baseado na historia do galego, que se realizará o día 30 ás 18:00 na Mosqueira
Concerto este verán na Pza da Mosqueira.

A edil de Cultura, Maite Ferreiro, presentou o concerto O cantar da nosa lingua dentro da “ampla programación cultural” coa que Lugo celebrará o 22 aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade.

“Trátase dunha proposta que explora a historia da lingua galega, desde o medievo ata a actualidade, achegando cancións dos distintos períodos“, explicou Maite Ferreiro, que engadiu “o Coro do Hospital de Lugo interpretará a lírica medieval dos trovadores e neotrovadores, así como a música tradicional dos séculos escuros e as creacións dos séculos XIX e XX”.

Este concerto únese á campaña #LugoMurallaÚnica posta en marcha pola área de Cultura, “un proxecto que está a visibilizar a nosa Muralla a nivel internacional e que destaca o feito de ser a a única muralla romana do mundo que se conserva completa”, explicou Maite Ferreiro.

A campaña #LugoMurallaÚnica consta de 7 entrevistas en 6 idiomas (inglés, francés, italiano, portugués, castelán e galego) que darán a coñecer distintos aspectos históricos e culturais da Muralla de Lugo dende a perspectiva de 7 persoas nacidas fóra, pero que viviron ou viven na cidade. As 7 entrevistas serán publicadas ás 22h00 todos os luns de novembro e decembro previos ao Nadal.