Aberta a inscrición no programa «Pegadas no muro. Relatos e proxectos de arte urbana».
Diego AS, Yoe 33, May Rojas, Pía Piadosa ou Asunción Moreno participarán, xunto con outros artistas e expertos nacionais e internacionais, neste programa organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural que mantén aberta a inscrición ata o 5 de abril.

O impacto artístico e social da arte urbana centra a temática da nova edición do Curso de Primavera da USC, un programa de formación e divulgación promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural e incluído no abano de actividades que conforman a grella da Primavera Cultural da USC, que se desenvolverá
do 10 ao 12 de abril na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC. A inscrición nesta actividade e libre e de balde para todo o público interesado, que pode formalizar a súa matrícula a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es 

O programa ‘Pegadas no muro. Relatos e proxectos de arte urbana’, coordinado polas profesoras e investigadoras do Departamento de Historia da Arte da USC Miriam Elena Cortés e Patricia López Cupeiro, xurde en resposta ao grande apoxeo que está a experimentar nos últimos anos en Galicia este fenómeno artístico e social. As últimas edicións dos premios Street Art Cities, en cuxa última edición resultaron galardoadas obras de Sfhir, en Fene; Lula Goce, en Nigrán, e Yoe 33, en Lugo, testemuñan unha realidade da xa avanzada en 2022, cando Diego As acadou o primeiro premio do certame cun retrato de Xulio César a carón da muralla romana de Lugo.

Coa auxe do graffiti no século XX, a arte urbana vencellouse ao debate sobre a utilización do espazo público e a denuncia social, subliñan as coordinadoras deste novo Curso de Primavera da USC, que tamén poñen o foco na evolución experimentada desde o muralismo ata o graffiti, ata chegar ao que na actualidade se considera Street Art e que converte os muros das rúas en espazos ou soportes para a transmisión de mensaxes reflexivas, irónicas, críticas, multiculturais ou subversivas.

As expresións gráficas no espazo público e o muralismo remóntanse moi atrás no tempo, pero é agora cando as institucións están a apoiar e promover decididamente este tipo de proxectos e as plataformas de divulgación fanse eco destas propostas con maior interese. De ser unha manifestación cultural transgresora e unha expresión reivindicativa ligada ás marxes sociais, a Street Art pasou a experimentar o recoñecemento do seu impacto positivo nas contornas urbanas e rurubanas e a transformación do territorio.

O impacto que está a ter a Street Art propiciou que a Facultade de Humanidades da USC optara por analizar este fenómeno artístico dende diferentes  perspectivas: artística, estética, histórica, social, didáctica, antropolóxica, xeográfica, comunicativa…, no marco desta nova edición do Curso de Primavera da USC, un foro aberto e transversal no que participarán expertos a nivel nacional e internacional como Asunción Moreno, Adris Díaz, Antonio Alcántara ou Laura Luque.

Xunto a estes especialistas tamén están convidados recoñecidos artistas da talla de May Rojas, Diego AS, Yoe 33 ou Pía Piadosa, ademais de promotores e organizadores de festivais de arte urbana en Galicia.

O programa desta nova edición do Curso de Primavera da USC conta tamén coa participación de docentes e persoal investigador da USC, que achegará a súa particular visión sobre a arte urbana. Todas as persoas inscritas neste actividade tamén poderán participar nunha conversa-taller coa artista Doa Oa, así como nun roteiro polos murais de Lugo, guiado por Elena Freire.