Aberto o prazo de matrícula na Tradescola. A matrícula permanecerá aberta ata o 15 de setembro 

Tradescola abre o prazo de matrícula para o vindeiro curso nas aulas de gaita, zanfona, acordeón, acordeón diatónico, baile tradicional, canto e pandeireta, pandeira, percusión, requinta, e linguaxe musical ademais de aulas específicas para os máis pequenos.

TRADESCOLA,  o centro de ensino da música, do canto e do baile tradicional galego xestionado pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s en Lugo conta no seu equipo docente con 9 dos mellores mestres no eido da música e do baile tradicional: Alberte Núñez (aulas de acordeón e acordeón diatónico) Bruno Villamor (aulas de gaita e requinta), Lucía Eiros (aulas de linguaxe musical), Xabier Iglesias (aulas de baile tradicional e de iniciación á música e o baile tradicional para nen@s), Jose Manuel López (aulas de gaita), Branca Villares( aulas de canto e pandeireta e pandeira), Roberto Rodríguez (aulas de canto e pandeireta), Germán Díaz (aulas de zanfona) e Miguel Anxo López Buján (aulas de percusión tradicional).

A matrícula permanecerá aberta en horario de 11.30 a 13.30 e de 16.30 a 19.00 horas ata o 15 de setembro nos seus locais na Rúa Pintor Corredoira nº 4 de Lugo.(Centro Lug2) ou no teléfono 982229966.

A Tradescola conta coa axuda da Area de Cultura da Deputación de Lugo e a cesión dos locais por parte da Xunta de Galicia e do Centrad (as aulas impártense nos locais do Centro Lug 2 (Pintor Corredoira 4 ) e nos locais do Centrad de Lugo (Rúa Chantada S/N).

A Tradescola segue traballando día a día na busca de xeitos de mellora para acadar os seus obxectivos finais, promocionar e transmitir a música, o canto, o baile e outras tradicións culturais galegas apostando sempre pola educación como un dos piares fundamentais para a conservación, coñecemento e divulgación da nosa música.

Esta escola conta tamén no seu seu proxecto educativo cun itinerario profesional que terá como finalidade proporcionar ao alumnado unha formación coa que garantir a cualificación dos futuros profesionais que serán quen de continuar coa transmisión e exposición do noso patrimonio. Este itinerario impártese paralelamente ás aulas xa existentes.

Máis información na Tradescola (Rúa Pintor Corredoira nº 4 – Lugo), no teléfono 982229966 ou no mail tradescola@gaiteirosgalegos.gal