A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, deu a coñecer as bases do concurso de deseño gráfico co que se escollerá cartaz para o San Froilán e o San Froilán Miúdo 2023. Maite Ferreiro explicou que «as persoas participantes poderán presentar cantas obras desexen, sempre que sexan orixinais».

As persoas que desexen participar poden presentar os seus traballos ata o 21 de xuño en formato dixital JPG, cunhas dimensións de 50×70 centímetros e con 72ppp de resolución, en soporte cd ou lapis de memoria. Ademais, poderanse enviar tamén por enderezo electrónico a cultura@lugo.gal, indicando no asunto Cartel San Froilán 2023.

Os traballos serán presentados de forma anónima, con lema, acompañando un sobre co mesmo lema no exterior, e dentro os datos persoais do participante. Se presentan o cartel dixitalmente, estes datos deberán presentarse nun documento aparte.Un xurado cualificado será o encargado de escoller a obra que represente esta festa, que será premiada cun importe de 2.000 euros. 

Maite Ferreiro animou ás deseñadoras e deseñadores lucenses «a demostrar a gran calidade dos seus traballos e ser a imaxe do evento cultural máis grande de Lugo».

BASES: https://www.deputacionlugo.gal/sites/deputacionlugo.org/files/inline-files/18-05-2023.pdf