Lugo acollerá o I Congreso Nacional de Turismo Experiencial do 16 ao 18 de setembro.

A cidade de Lugo acollerá os días 16, 17 e 18 de septembro o I Congreso Nacional de Turismo Experiencial, que contará coa participación de máis de 50 expertos e profesionais do sector. A alcaldesa, Lara Méndez, participou este martes na presentación do evento que tivo lugar na praza Pio XII, acto no que tamén interviron a Concelleira de Turismo e Cultura, Maite Ferreiro, a deputada de Turismo, Pilar García, e a delegada territorial en funcións da Xunta de Galicia, Marta Barreiro.

Esta primeira edición combinará o formato presencial, con conferencias no Pazo de San Marcos, e o virtual, ofrecendo a posibilidade de seguir as charlas por streaming. Ademais, como extensión ao Congreso, os días 19 e 20 de setembro celebrarase a cita LugoExperience, que incluirá actividades culturais, gastronómicas, medio ambientais e de aventura, dirixidas aos asistentes e ao conxunto dos lucenses.

I Congreso Nacional de Turismo Experiencial
Fonte: Gab. Com. Concello

 I Congreso Nacional de Turismo Experiencial busca ser un referente no que abordar novos retos, ofrecer solucións, analizar casos de éxito e dotar das ferramentas necesarias a profesionais para que aproveiten as oportunidades do entorno local a través dun emprendemento sostible. Será, polo tanto, un punto de encontro para profesionais, emprendedores, técnicos, produtores locais, estudantes, guías, investigadores, medios de comunicación e apaixados do turismo e a cultura en xeral.