O Museo Provincial acolle ata o 5 de novembro a mostra que recolle a vida e obra do pintor galego Francisco Lloréns

 

OCT 2017 O Consorcio As Mariñas e a Axencia de Turismo de Galicia, coa colaboración do Museo Provincial de Lugo, puxeron en marcha a Ruta do Impresionismo das Mariñas, centrada na figura do pintor Francisco Lloréns, co obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio natural e cultural das Mariñas.

A exposición, que xa estivo en Pontevedra e Vigo, está formada por 5 cubos explicativos, con información sobre a vida e obra do artista galego e sobre a ruta turístico-cultural.

 “… é un pracer poder acoller no Museo Provincial de Lugo esta exposición do primeiro paisaxista galego e un referente da arte contemporánea, Francisco Lloréns, que tivo ás Mariñas como unha das protagonistas principais da súa obra” Pilar García Porto

O horario para visitar a exposición é de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas, sábados de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuita.

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, e a Comisaria da exposición, Rosario Sarmiento, inauguraron a exposición o pasado venres.

5 obras do pintor no Museo Provincial

O Museo Provincial de Lugo custodia, na actualidade, 5 obras de Francisco Lloréns. En concreto, na sala 12, están expostas Eucaliptos e Paisaxe de Betanzos; e no espazo dedicado á biblioteca, están Fábrica de Sardiñas, A volta da pesca e Alegoría da pesca.

Francisco Lloréns Díaz

O pintor naceu na Coruña no ano 1874. Foi bolseiro pola Academia Española en Roma e viaxou tamén por Bélxica e Holanda, en compañía doutros artistas subvencionados. Viviu uns meses de intenso traballo en Bruxas, cidade que lle causou unha profunda impresión. En 1906 regresou a España, e participou en exposicións colectivas en Madrid, Barcelona, Panamá ou Bos Aires. Con ocasión da Exposición Iberoamericana de Sevilla encargóuselle a organización do Pavillón de Galicia, que decorou cun friso de motivos galegos. Tras o estoupido da guerra civil foi evacuado a Valencia, dedicándose á pintura de bodegóns. Concluída a contenda volveu á súa actividade artística en Madrid, pasando os veráns na súa terra natal, dedicado á pintura das súas paisaxes. En 1942 foi nomeado Académico na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, onde ingresou en 1943. Tamén foi socio de honra da Academia de Belas Artes e da Real Academia Galega. A partir de 1945 comezou a decaer a súa saúde, padecendo perdas de memoria. Faleceu no 1948 en Madrid. Os seus restos están no cemiterio de San Amaro, na Coruña.

Comparte este artigo…comparte arte. Cita a fonte.