A compañía estrea o seu primer espectáculo dentro do FIOT de Carballo e
proximamente percorrerá a provincia de Lugo co programa APARTE.
O creador lucense Rubén Pérez crea Señor López Producións, unha compañía de teatro que xorde do pasado confinamento. A partir do mesmo, e co obxectivo de xogar sobre as táboas e coa firme idea de que o teatro, a cultura e o galego son máis necesarios ca nunca, aparece esta nova compañía de teatro que, pouco a pouco, quere afianzarse no panorama
teatral galego.

Así, o artista lucense logo do seu paso por outras compañías, decide emprender un proxecto propio e persoal, que procura achegar as artes escénicas a todos os recunchos do país, a través de espectáculos en pequeno formato e coa lingua galega como motor.

O vindeiro domingo 11 de outubro a compañía estrearase no FIOT de Carballo, dentro do certame Metro-Cadrado onde a súa proposta Manuela é unha inuit: política postcovid foi seleccionada. A micropeza reflexiona sobre a situación que estamos a vivir a partir do cadro de Luís Seoane Emigrante, onde a galega Manuela Rodríguez, perdida en Xenebra,
procura o seu fillo.

Por outra banda, a finais de outubro, estreará no Concello de Bóveda o espectáculo familiar A viaxe do Señor López dentro do programa APARTE da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

Señor López Producións - Nova compañía de teatro lucense