A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a programación teatral que terá lugar no Auditorio Municipal até final de ano, enmarcada na programación do segundo semestre do 2020. Maite Ferreiro explicou que “en total son 18 propostas, que unen as xa programadas no primeiro semestre e que tiveron que ser adiadas pola pandemia e as programadas especificamente para este semestre”.

“Quixemos poñer o foco nas producións de artes escénicas de mellor calidade feitas na Galiza, que serán o fío condutor da programación, e contaremos tamén con obras internacionais de calidade contrastada”, explicou Maite Ferreiro, que engadiu “esta programación está pensada para o deleite das amantes do teatro e para facilitar un achegamento a esta arte por primeira vez”.

A programación inclúe un total de 12 propostas para público adulto e 6 para familias. Para acceder ao recinto será preciso adquirir entrada no portal entradaslugo.es ou de maneira presencial na oficina municipal de turismo, cun prezo de 5€ nas actividades para público adulto e 3 nas actividades familiares. As persoas en paro, menores de 30, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG terán un desconto do 30% nas actividades para público adulto.

Todas as representacións cumprirán cos protocolos habituais nas actividades organizadas pola área de Cultura. Maite Ferreiro lembrou que “asistir a actividades culturais pode facerse de maneira segura” e animou á veciñanza “a descubrir e desfrutar do teatro con seguridade”.

Teatro en Lugo no Auditorio Municipal Gustavo Freire
Foto: Gab. Comunicación Cultura Concello
Programación segundo semestre

18 de outubro. “FALAR POR FALAR” de Volta e Dálle Teatro

22 de outubro. “ONDE VIVEN OS MONSTROS” de Os Náufragos Teatro (familiar)

25 de outubro. “CELEBRARÉ MI MUERTE” de Joan Fernández

29 de outubro. “CASTRAPO” de Os Náufragos Teatro

30 de outubro. “HARA” SOLO A DOS VOCES, de Andrés Corchero e Agustí Fernandez

1 de novembro. “PíNCONÚS” de Pínconús (familiar)

5 de novembro. “NÓMADES” de Xarope Tulú (familiar)

6 de novembro. “LEIRA” de Nova Galega de Danza

8 de novembro. “O MELLOR DOS CATRO E.” de Pepe Vaamonde

12 de novembro. “ELECTRA” de Teatro do Chapitô

13 de novembro. “AS V. MÁIS LONGAS” de Diego M. Buceta

15 de novembro. “MAI MAI” de Baobab Teatro (familiar)

19 de novembro. “SÓ” de Xampatito Pato (familiar)

22 de novembro. “FURIA NECESARIA” de AldaoLado

26 de novembro. “SOFÍA E AS POSTSOCRÁTICAS” de Inversa Teatro

29 de novembro. “CRÓNICAS DO PARAÍSO” de Sarabela teatro

3 de decembro. “CARABELA” de Galeatro (familiar)

10 de decembro. “BERNARDA VILALBA 1975” de Malasombra Teatro