«Feliz Idade», de Olga Novo, publicado na colección Tambo de KALANDRAKA, vén de recibir o Premio Nacional de Poesía 2020. Esta distinción súmase ao recente Premio Nacional da Crítica Española no apartado de Poesía Galega e ao Premio Gala do Libro Galego 2020. O xurado destacou que se trata dun “relato vitalista que celebra o amor e a existencia máis aló do tempo”, relacionando “a maternidade e a morte cunha fonda presenza crítica da memoria histórica”.

Así, o eixe de «Feliz Idade» é o ciclo vital que abrangue o tempo dende o nacemento e a nenez da filla da autora ata o declive físico e o pasamento do pai desta, polo que se trata dun poemario cunha intensa implicación sentimental e emocional. Comeza cunha carta-limiar dirixida á nena sobre a importancia das raíces familiares e da terra de Vilarmao, na localidade lucense da Pobra do Brollón, onde habitaron os seus ancestros, polo que nestes versos tamén teñen moito protagonismo o mundo rural e o seu progresivo abandono.

Trátase do segundo Premio Nacional de Poesía que recibe unha obra publicada en Tambo, despois de «Os ángulos da brasa», de Manuel Álvarez Torneiro, en 2013. Foi o primeiro poemario escrito orixinalmente en lingua galega que resultaba galardoado con este recoñecemento do Ministerio de Cultura.

“A voz poética de Olga Novo, inconfundible e de gran potencia”, afirma o xurado do Premio Nacional de Poesía 2020, “conxuga autenticidade e verdade, e distínguese pola súa linguaxe visionaria que trae á contemporaneidade o eco ancestral de toda unha tradición literaria”. Precisamente, en «Feliz Idade» xúntase a pegada de voces literarias diversas, dende Rosalía de Castro ou Luís Pimentel, a John Berger, Walt Whitman ou Dylan Thomas.

"FELIZ IDADE"de Olga Novo Premio Nacional de Poesía 2020
Foto: Ministerio de Cultura

Vidas, persoas e historias son a materia prima deste libro que enlaza pasado, presente e futuro a través das distintas xeracións dunha familia. Trátase dunha poesía sinestésica, elaborada dende a madurez biográfica e literaria dunha escritora que reflicte -con autenticidade e paixón- a evolución da vida.

Poeta, filóloga e profesora de Ensino Secundario en Monforte, Olga Novo exerceu antano a docencia nas Universidades de Rennes e de Lorient, na Alta e na Baixa Bretaña. Ademais de numerosas colaboracións en revistas e antoloxías, publicou os títulos «A teta sobre o sol» (1996), «Nós nus» (1997, Premio Losada Diéguez), «A cousa vermella» (2004) e «Cráter» (2011, Premio da Crítica). Como ensaísta, é autora, entre outros, dos volumes «O lume vital de Claudio Rodríguez Fer» (1999, 2008) e «Uxío Novoneyra. Lingua loaira» (2005, Premio de Investigación Ánxel Fole).