A imborrable pegada do pasado nas dúas estreas da semana en Codex Cinema

Un ensaio fílmico arredor da propia memoria familiar da directora e unha nova volta ao trauma do nazismo marcan as dúas películas que chegan aos cines Codex esta semana.

A metamorfose dos paxaros foi unha das grandes sorpresas do circuíto de festivais do ano pasado. Cunha cámara en 16 milímetros, a cineasta portuguesa Catarina Vasconcelos narra en primeira persoa e de forma moi poética unha viaxe aos lugares, as xentes e aos misterios do pasado da súa familia. Tratando de forma impresionista elementos como o mar, a natureza o ceo e as rochas, a directora consegue crear un filme magnético onde a través da cámara nos movemos como unha pantasma por unha serie de escenas a medio camiño entre o thriller sobrenatural, a reivindicación feminina e a elexía polo fin dunha forma de vida, a dos nosos avós nas aldeas, lugar que case aparece no filme como evocación mitolóxica.

Ordenada como os versos dun poema no que se suceden diferentes voces como parte dunha conciencia colectiva, A metamorfose dos paxaros presentouse o ano pasado na sección Encounters da Berlinale, onde gañou o premio da crítica internacional, para logo ter a súa presentación en España no festival de Donostia, na sección Zabaltegi, na que levou o premio a mellor filme da competición. Un grande éxito para unha película rodada case de forma persoal pola súa directora e que a partir de elementos aparentemente abstractos e poéticos consegue crear unha poderosa reflexión sobre a vida en represión: a política (os tempos da ditadura portuguesa) e a de xénero (o rol da muller na sociedade).

De represión tamén fala A sala de cristal, de Christian Lerch, outro formidable retrato sobre a introdución do nazismo na sociedade alemá da Segunda Guerra Mundial. Seguindo os pasos dunha nai e un fillo que teñen que fuxir dun Munich bombardeado polo exército aliado ata unha aldea de maioría nacionalsocialista, o cineasta xermano fala de como a presión social, a covardía das figuras de poder e a necesidade de supervivencia foron as forzas que fixeron que a ideoloxía totalitaria e racista se estendese por Alemaña nunha sociedade aparentemente democrática e igualitaria.

Lerch mostra de forma didáctica e sinxela, con grande habilidade narrativa, como unha muller ten que finxir que posúe unha ideoloxía que detesta para garantir a seguridade do seu fillo, e como as crianzas, para sentirse parte dun grupo ou dunha comunidade, acaban por aceptar consignas e valores antidemocráticos e inhumanos. A sala de cristal fala do pasado, pero tendo sempre en conta o presente e a necesidade de lembrar os horrores pretéritos para non repetilos. O filme de Christian Lerch fala da sedución do mal, do fácil que os discursos máis agresivos e violentos se filtran de forma rápida nas novas xeracións.

Códex Cinema

Eventos en Lugo