O circuíto de cinema galego «Ciclo Mestre Mateo» comezará en marzo e proxectará unha película ao mes en Foz, Vilalba, Chantada, Sarria e A Pobra do Brollón.

As películas son as longametraxes finalistas dos Premios Mestre Mateo. En cada localidade, proxectaranse as catro finalistas ao premio á mellor longametraxe de ficción e as catro finalistas na categoría de mellor documental, que se coñecerán no mes de febreiro.

A colaboración entre aVicepresidencia da Deputación de Lugo e a Academia Galega do Audiovisual (AGA) consolida e amplía unha iniciativa que se puxo en marcha xa o ano pasado, con moi boa acollida entre o público, e que ten como obxectivo ofrecer unha programación estable de cinema en galego en concellos que non teñen salas comerciais.

A Academia Galega do Audiovisual porá en marcha unha web ciclomestremateo.gal na que se poderá consultar toda a información do ciclo: películas que compoñen a programación, salas de proxección, noticias e actualidade.

Na presentación participaron a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, e o guionista lucense e vicepresidente da AGA, Pepe Coira, tamén representantes dos concellos e asociacións que colaboran no ciclo.