Nova edición do certame de videocreación do Lugo Cultural con 1.200 euros en premios
A Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC alenta a creatividade entre a mocidade a través da convocatoria da quinta edición do Certame de Videocreación, unha iniciativa artística promovida ao abeiro do convenio Lugo Cultural e que repartirá 1.200 euros en premios entre as tres propostas máis
valoradas polo xurado.
As persoas interesadas xa poden formalizar a súa inscrición en liña e de balde ata o 2 de novembro a través do formulario habilitado na web www.lugocultural.gal, que, deben remitir cuberto ao enderezo electrónico cultura.lugo@usc.es , ao que tamén se poden enviar as distintas propostas creadas ata as 13.00 horas do 22 de novembro.
A cerimonia de entrega dos galardóns desenvolverase o 27 de novembro.
O V Certame de Videocreación, do mesmo xeito que en edicións anteriores, ofrece galardóns en distintas modalidades.
Así, as persoas participantes poderán optar ao «Premio á mellor linguaxe visual», dotado con 400 euros, no que se valorarán os aspectos estéticos da obra referentes á imaxe, iluminación e dirección artística, así como a montaxe e edición visual de cada peza.
O «Premio Isidro Novo á mellor linguaxe literaria» dotado con 400 euros, no que se valorarán os aspectos literarios da obra referentes ao guión e uso da linguaxe escrita ou oral; e o «Premio Araceli Herrero á mellor comunicación», dotado con 400 euros e que distingue a proposta que mellor englobe todos os aspectos comunicativos empregando diferentes linguaxes.
As obras presentadas a concurso deberán ser inéditas e orixinais. Cada unha das pezas pode ser realizada de maneira individual ou colectiva. Cada creación, cuxa duración non pode exceder de 5 minutos, debe incluír a cortina de inicio dispoñible en www.lugocultural.gal .
Asemade, no caso de que a peza conteña linguaxe literaria oral ou escrita, valorarase positivamente a utilización do idioma galego. Cómpre asemade acreditar a autoría ou propiedade dos dereitos de calquera composición musical.