A mamá e a puta, colosal película dirixida por Jean Eustache e protagonizada por dúas das figuras máis destacadas do cinema da nouvelle vague, Jean-Pierre Léaud e Bernadette Lafont.

A reestrea en Codex de A mamá e a puta é un suceso cinematográfico histórico.

A recuperación da colosal película de Jean Eustache (1938-1981) grazas a unha restauración feita por Les Films du Losange permite volver a un film que é obxecto de culto dende o ano da súa estrea, 1973.

Dende entón só algúns privilexiados puideron desfrutar dela en pases eventuais en filmotecas, salas especializadas, festivais ou pases televisivos.

Filmin trae a película a España, antes de subila á súa plataforma terá pases en salas e filmotecas.

Protagonizada por Jean-Pierre Léaud, Bernadette Lafont e Françoise Lebrun, e presentada no Festival de Cannes de 1973, gañou dous premios en susodito certame: o Gran Premio do Xurado e o premio FIPRESCI.

Filmada nos anos inmediatamente posteriores a Maio de 1968 e en moitos dos gloriosos espazos da rive gauche parisiense, A mamá e a puta aborda o amor e o sexo con asombrosa franqueza; sen ningún indicio de moralismo asistimos a un filme río que afronta os problemas máis incómodos e as flagrantes contradicións de calquera relación sentimental.

A outra estrea da semana é Lume, penúltimo filme da prestixiosa directora francesa Claire Denis.

Cun reparto que conta con algúns dos mellores intérpretes do cinema galo actual, Juliette Binoche, Vincent Lindon e Grégoire Colin, Lume foi presentada no Festival de Berlín deste ano onde gañou o Oso de Prata á Mellor Dirección.

A película propón un triángulo amoroso no que as dúas guiuonistas, a propia directora e Christine Angot, eluden os tópicos habituais deste tipo de historias para afondar na complexidade dos sentimentos humanos.

Como vén sendo habitual ao longo de gran parte da filmografía de Denis, a banda sonora é obra de Stuart Staples, líder do famoso e prestixioso grupo musical Tindersticks.