A Praza de San Marcos de Lugo acolle a exposición “Xela Arias. A poesía do retrato” con fotografías de Xulio Gil e poemas de Xela Arias ata o 21 de xuño. A mostra consta de vinte paneis nos que as imaxes en branco e negro da autora dialogan con versos escollidos da súa obra poética.

As fotografías retratan a poeta posando con determinación e sen artificios ante o obxectivo de Xulio Gil cando tiña entre 26 e 40 anos. Trátase de imaxes tomadas para seren socializadas en revistas, libros ou noutros soportes de divulgación da obra de Xela Arias que se mostran por primeira vez en formato expositivo coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación Lugo.

Maite Ferreiro sinalou que “a Praza de San Marcos, cunha ubicación central na cidade, é un espazo axeitado para render homenaxe a Xela Arias e divulgar a súa obra entre toda a cidadanía. Esta praza é lugar de paso e punto de encontro para moitas lucenses e tamén para persoas que visitan a cidade, que atoparán aquí pequenas fiestras polas que asomarse á poesía da autora. A reivindicación da súa obra, como a do idioma e a cultura propias, deben extenderse máis aló do Día das Letras Galegas”.

Lugo é a segunda parada da mostra que se inaugurou o pasado 1 de maio en Sarria. Permanecerá na Praza de San Marcos ata o 21 de xuño, para continuar coa súa itinerancia en Chantada, Monforte, Ribadeo e Viveiro.

Ademais de promover a exposión, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborou na edición dun libro-catálogo que recolle unha mostra máis ampla de retratos emparellados con fragmentos poéticos. A área de Cultura repartirá 100 exemplares desta publicación de título homónimo coordinada por Xosé Enrique Acuña entre as persoas interesadas en profundizar na obra de Xela Arias.