acto de apertura ao público do busto de Xoán Montes

Na mañá do mércores 24/06 realizouse o acto de apertura ao público do busto de Xoán Montes na súa nova ubicación na Praza Maior de Lugo. O acto estivo protagonizado polos colectivos culturais lucenses que promoveron o traslado da figura e a intervención musical do pianista Aurelio Chao e da cantante Esperanza Iglesias Méndez, que interpretaron temas compostos por Xoán Montes.

Fernando Gómez Jácome, director de varias corais lucenses, foi o encargado de lembrar a Montes e  Rosendo Iborra e Indalecio F. Groba, antigos directores da Banda Municipal de Lugo, fixeron unha ofrendra froral.

Tamén estiveron presentes representantes da corporación municipal, xunto coa Alcaldesa de Lugo, o Tenente de Alcalde e a edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua.

O busto pasou por un proceso de restauración e limpeza por parte dun equipo especializado, que se encargou de eliminar a suciedade das pezas de mármore e granito que compoñen a obra, mantendo as marcas de envellecemento propias da peza.

O expediente para esta actuación iniciouse no pasado mandato, e foi impulsado no suplemento de crédito aprobado polo actual goberno no mes de setembro, cunha inversión de 18.000 euros. Esta actuación tivo como obxectivo resituar a figura de Xoán Montes no centro da cidade. Esta ubicación elixiuse dado que o propio Xoán Montes desenvolveu boa parte da súa actividade musical no quiosco da música da praza maior, o Círculo das Artes e a Catedral.