Obras de Maruja Mallo, Castelao e Colmeiro no Museo Provincial de Lugo

Entrada á sala 14 do Museo Provincial de Lugo. Foto: Gab. Com. Museo Provincial de Lugo.

O Museo Provincial de Lugo incorpora e relaciona xuntas nunha mesma sala, a 14, a tres figuras artísticas fundamentais na historia da arte galega, determinantes na asimilación das vangardas europeas desde distintas linguaxes creativas co nexo común do seu posterior exilio trala Guerra Civil española: Maruja Mallo, Colmeiro e Castelao.

Na sala 14 a partir de agora poderase ver como novidades expositivas: unha obra de Maruja Mallo realizada cando era pensionada da Deputación de Lugo (entre 1926-1929),  e dúas pinturas de Colmeiro: Maternidade (1934) e Vista da Muralla de Lugo (s/d), que tampouco estaban expostas anteriormente.

Así mesmo, este espazo complétase con dous óleos de Castelao: Paisaxe con castiñeiros e Asno e gaivotas -o resto da súa obra está na sala monográfica de debuxo e gravado galego (nº 25)-.

En total, son 12 as obras destes artistas as que se poden ver nesta sala.