O II Certame de Paisaxe Sonora premia con 900 euros composicións orixinais e inéditas
O prazo de presentación de traballos a este certame, coordinado por Arturo Vaquero permanecerá aberto ata o 10 de novembro.

Esta nova convocatoria artística aberta á participación de persoas maiores de 18 anos admite candidaturas individuais e traballos conxuntos. 

As persoas interesadas deberán presentar a concurso paisaxes sonoras cunha duración de un a 10 minutos.

As persoas responsables da autoría de cada unha das propostas deberán acompañar o audio dun ficheiro explicativo, no que se dea conta do proceso creativo e dos materiais empregados, ademais de achegar unha explicación conceptual da obra. 

As distintas candidaturas que concorran ao II Certame de Paisaxe Sonora deben incluír un título, seguido da identidade do autor/autores, que poden remitir as súas creacións a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es .

O xurado deste programa artellado ao abeiro do convenio Lugo Cultural será o encargado de avaliar as distintas composicións e determinar, no seu caso, a proposta con mellor puntuación, que será distinguida co premio do Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS), dotado con 350 euros en metálico.

A entrega de premios será nun acto público que se desenvolverá o 20 de novembro de 2023, a partir das 21.00 horas, no auditorio da Casa do Saber. 

O público asistente á gala poderá escoller co seu voto a composición galardoada co premio do público, que ten unha dotación de 150 euros en metálico. 

O xurado do certame ten tamén a potestade de outorgar outros catro premios de 100 euros cada un ás catro composicións que mellor valoradas.

O II Certame de Paisaxe Sonora é unha iniciativa a prol do fomento da creatividade promovida pola USC ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Lugo.