A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitou a Casa dos Mosaicos, onde veñen de rematarse unha serie de actuacións que melloran os contidos expostos. Maite Ferreiro explicou que “vimos de renovar o sistema de proxección audiovisual e parte da instalación eléctrica, o que nos permitirá desfrutar dos restos desta Domus coa mellor calidade posible”.

A área de Cultura renovou, por unha banda, o equipamento eléctrico da proxección, entre o que se atopa un proxector, equipamento informático para o control da proxección e novo alumeado. Ademais, realizouse unha nova programación do sistema de proxección audiovisual.

A reapertura da Casa dos Mosaicos terá lugar o vindeiro sábado 26, co seu horario habitual (10:00 a 20:00 horas), e realizaranse visitas guiadas ás 10:30, 11:30, 12:30, 13:30, 16:00, 17:00, 18:00 e 19:00.

Na instalación aplicaranse os mesmos protocolos de prevención da COVID que se están xa a aplicar no resto de salas museísticas municipais. O uso de máscara, xunto coa limpeza de mans con xel hidroalcohólico á entrada e saída da instalación serán obrigatorios, ademais de manterse durante a visita o distanciamento mínimo de 1.5 metros.

Reabre a Casa dos Mosaicos de Lugo
Fonte da foto: Gab. Comunicación Cultura