Palmarés do II Certame de Videocreación do Campus de Lugo

Fotos: Iván Mouronte

Os proxectos audiovisuais presentados pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Carmen P. Granxeiro e José Marái Tubío acapararon todos os premios da segunda edición do Certame de Videocreación do Campus de Lugo, unha iniciativa promovida desde a Área de Cultura da USC ao abeiro do convenio Lugo Cultural e a través da que se pretende por en valor e canalizar as inquedanzas creativas da mocidade e as novas formas de manifestación e expresión.

A gala de clausura do II Certame de Videocreación do Campus de Lugo celebrada este martes na Casa do Saber, onde se puideron as oito propostas presentadas ao certame, serviu asemade para entregar os galardóns aos autores dos proxectos premiados. Esta cita rendeu unha particular homenaxe ás figuras de Araceli Herrero Figueroa e Isidro Novo, persoeiros que dan nome a dous dos tres premios contemplados nas bases dun certame artístico que repartiu 1.200 euros entre as tres propostas máis valoradas pola súa linguaxe visual, pola súa linguaxe literaria e pola comunicación e integración de diversas linguaxes.

O premio Isidro Novo á mellor linguaxe literaria recaeu na peza ‘Dolor e gloria da Terra’, presentada por Adega, mentres que o proxecto ‘Artefacto’, de Carmen P. Granxeiro, obtivo o galardón Araceli Herrero á mellor linguaxe comunicativa. A proposta ‘Courel’, presentada por José María Tubío recibiu o premio na categoría de mellor comunicación audiovisual no marco dunha cerimonia presidida pola vicerreitora de Coordinación do
Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel. A viúva e o fillo de Isidro Novo, Loli Rodríguez e Bruno López, foron os encargados de entregar o premio Isidro Novo, mentres que a decana da Facultade de Formación do Profesorado, Carmen Sarceda Gorgoso, fixo o propio co galardón ao que dá nome Araceli Herrero.