A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, informou da ampliación da exposición Visións de Lugo, situada no MIHL, cos cadros do XX certame de Pintura Rápida ao Aire Libre Cidade de Lugo, que tivo lugar o pasado 19 de xullo. Maite Ferreiro afirmou que “as persoas que se acheguen ao MIHL poderán desfrutar da gran calidade que anualmente podemos ver neste certame e descubrir mediante a pintura os recunchos máis fermosos da cidade”.

O estilo e a técnica das obras son escollidas por cada autora e a súa temática xira sobre a cidade de Lugo en toda a súa extensión. A execución da obra é directa, diante do motivo ou do modelo natural. As inscricións realízase cada ano o mesmo día do certame, e as artistas teñen até as 17:00 para presentar as súas obras.

Para Maite Ferreiro, “o MIHL é o lugar idóneo, dada a súa singularidade, para expoñer unha serie de obras moi diferentes en técnica e estilo, pero que teñen como nexo de unión a rapidez coa que se executan e os espazos de Lugo”.