Continúa o ciclo Muralleando Sen Parar, co que a área de Cultura acompaña os paseos pola Muralla con música en directo
Maite Ferreiro: “debido á previsión de choiva para a tarde do venres, modificouse a axenda e estes grupos pasarán a animar os paseos do mediodía do sábado”
Continúa o ciclo Muralleando Sen Parar en Lugo

A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua continúa coa iniciativa musical Muralleando Sen Parar, que aportará un fío musical ao redor da Ronda da Muralla con 36 formacións musicais lucenses de todos os estilos. Segundo declarou a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, “trátase dunha aposta polo tecido cultural local, polo son e pola música de Lugo, representado nos distintos estilos musicais”.

“Muralleando Sen Parar modificará esta semana a súa axenda debido á previsión de choiva para a tarde do venres”, afirmou Maite Ferreiro, que engadiu “os grupos previstos para hoxe actuarán no mediodía de mañá, entre as 12 e as 13:30”. Maite Ferreiro animou á veciñanza a “utilizar o novo paseo peonil da Ronda da Muralla e a propia Muralla como zona de paseo e asistir ao mesmo tempo a esta nova maneira de desfrutar e descubrir a cultura de Lugo”.

A segunda semana de Muralleando Sen Parar comezará o sábado, con Mustélidos en Bispo Aguirre e Os Picorruchos na porta da Estación, entre as 12 e as 13:30. Pola tarde, entre as 20:30 e as 22h, Queen Pro Quo situarase na Porta de San Fernando, A Volta do Agro na Mosqueira e Casadefontes Jazz Combo na Porta Miñá. A segunda semana do ciclo Muralleando sen Parar rematará na tarde do domingo, entre as 20:30 e as 22h con CRC en Bispo Aguirre, Fruit Juzz na Rúa Nova e Skintight na Porta da Estación.