ABRIL 2018 A historia de Lvcvs Avgvsti únese a charlas, obradoiros e andainas, organizadas polo Concello de Lugo, nun dinámico fin de semana, no que xa se deixa notar a promixidade do Arde Lvcvs, que terá lugar do 15 ao 17 de xuño.

O venres, o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) acollerá a conferencia Os Barbanzóns: a cultura castrexa en banda deseñada, a partir das 20:00 horas. O pai artístico dos Bolechas, o ilustrador Pepe Carreiro, será o encargado de dirixir esta cita, enmarcada dentro do primeiro encontro de banda deseñada histórica de Galicia, posta en marcha ao abeiro da programación do Arde Lvcvs Cvltvral.

Ao día seguinte, sábado, nestas mesmas instalacións municipais, e baixo o encontro de banda deseñada, celebrarase un obradoiro para debuxar romanos e castrexos. Está dirixido a rapaces e rapazas de 8 a 16 anos. O ilustrador Víctor Boullón dirixirá este taller, en horario de 11:00 a 13:00 horas, para o que é preciso inscribirse no 010 ou a través do teléfono 982297150 para os de fóra de Lugo.

Tamén o sábado, Paulo Fabio Máximo, acompañado de dous lictores e un castrexo, volverá a recorrer Lugo a través da súa historia, nun paseo que partirá do miliario da Praza de Armañá, ás 17:00 horas.

O domingo, o Concello ten preparadas distintas alternativas. En primeiro lugar, para as persoas interesadas na artesanía, un obradoiro de olería, no Museo Porta Miñá, dende as 11:00 ás 14:00 horas. A maiores dúas andainas: unha camiñada dende Buratai ata o Acueducto, xunto coa asocición de recreación histórica Clan de Breogán, con saída ás 09:30 horas dende diante do Centro de Interpretación Terras do Miño, con Enrique Alcorta e Marcos Calles; e outra polas ribeiras altas Miño Arriba, que comeza na Ponte Romana e que percorre o tramo principal do río ao norte desta ponte.  Salvo para a ruta ao carón do Miño, enmarcada dentro das excursións de Terras de Auga e Cultura, onde a inscrición se debe facer na Oficina Municipal de Turismo, para participar no resto de actividades, todas elas de balde, a inscrición faise no 010.

Para rematar, o domingo tamén se celebrará a terceira carreira do Circuíto Larsa Corre con Nós, que se converterá no Corre con Elas, a partir das 12:00 horas, polo paseo de Ombreiro.

Exposicións e visitas guiadas

Paralelamente, o Vello Cárcere e o MIHL acollen mostras de distintas temáticas. Concretamente, na primeira instalación municipal pódese visitar a de fotografía Irán, París, Lugo; e a de escultura Ledesma; ademais das permamentes sobre a memoria histórica do centro. Pola súa banda, na segunda instalación pode verse unha exposición sobre David Bowie e outra sobre as Cohors III Lucensium. As visitas guiadas polo Vello Cárcere, de xoves a domingos, son outra alternativa.