Novo programa de actividades gratuítas para fomentar o lecer saudable e a educación ambiental na Reserva da Biosfera Terras do Miño, 7 propostas con preto de 90 prazas para todos os públicos, que se desenvolverán no primeiro trimestre do ano, dende o 2 de xaneiro ao 24 de marzo.

O prazo de inscrición ábrese o luns, 19 de decembro, e as actividades teñen o aforo limitado. Para as persoas interesadas estará habilitado o teléfono 982.305.930, o correo electrónico und.medioambiente@deputacionlugo.org e un espazo na web: http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais.

ACTIVIDADES

A primeira proposta na Reserva de Terras do Miño, enfocada para os máis pequenos, será Actividades de inverno na natureza, unha proposta que se desenvolverá no Centro de Interpretación deste espazo protexido, en Lugo, entre o 2 e o 5 de xaneiro, en horario de mañá: de 10:00 a 14:00 horas. Haberá 12 prazas dispoñibles.

Do día 17 ao 20 e o 23 de xaneiro está programado un obradoiro de tear e reutilización textil creativa para a sostenibilidade, unha actividade para adultos que se desenvolverá en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas. Conta con 10 prazas. Este obradoiro levarase a cabo no Centro de Interpretación.

Tamén en xaneiro, do día 24 ao 30, haberá outra actividade no Centro de Interpretación Terras do Miño pensada tamén para os adultos: Curso de poda. Son 15 prazas e poderase desfrutar en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas.

Xa en febreiro, do 6 ao 10, os adultos poderán aprender sobre enxertos, unha acción que se celebrará no Centro de Interpretación Terras do Miño de 10:00 a 14:00 horas da mañá. Haberá 15 prazas dispoñibles para as persoas interesadas.

Coincidindo co entroido, o luns 20 e o mércores 22 de febreiro, realizarase a actividade Entroido na natureza, en horario de mañá: de 10:00 a 14:00 horas. Esta actividade está pensada para os máis pequenos e conta con 12 prazas.

Unha viaxe da produción convencional á produción ecolóxica e sostible na horta e no xardín é o título da primeira actividade de marzo, entre os días 6 e 10 no Centro de Interpretación Terras do Miño. Estará destinada aos adultos e terá lugar en horario de mañá, entre as 10:00 e as 14:00 horas. As prazas para esta proposta son 10.

O curso de Iniciación e boas prácticas medioambientais na produción de mel pecha a programación do primeiro trimestre. Celebrarase do 13 ao 17 e do 20 ao 24 de marzo en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas e ten 15 prazas.

Promove: A Deputación de Lugo