O multiverso centrou a temática das nove propostas creativas presentadas a concurso na oitava edición do maratón de cinema ‘Findecurta’,  ao que cada ano se incorpora máis talento mozo, tal e como se puido constatar na cerimonia de entrega de galardóns da edición 2023 que premiou a historia ‘Portas’, creada por ‘Desviadas’, un cuarteto feminino de mozas preuniversitarias integrado por Elba Penas, Alba Area López, Uxía Calviño e Ayla Álvarez.

A curta ‘Portas’ recibiu os parabéns do xurado, integrado nesta edición por María Vázquez, profesora na Escola Superior de Arte e Deseño, e Antonio Gómez, podcaster, divulgador histórico e co director de Cita con Rama. 

Os dous xuíces do maratón cinematográfico coordinado por Bruno Maez, salientaron a evolución da historia contada por ‘Portas de Desviadas’, ao tempo que tamén puxeron en valor o esforzo destas catro rapazas que, de madrugada, non dubidaron en botarse á rúa para captar cos seus móbiles imaxes dunha cidade de Lugo totalmente baleira de xente, ‘o multiverso’ no que transcorren as peripecias dunha rapaza que, de noite, sae da súa habitación cara a cociña na procura duns froitos secos.

A curta galardoada polo xurado, que recibiu como obsequio unha gratificación económica de 400 euros, recadou tamén o apoio maioritario das preto de 300 persoas que acudiron á gala de proxección das nove creacións audiovisuais que concorreron ao VIII Findecurta, razón pola que os organizadores deste certame acordaron distinguir co premio do público a curta ‘Dodo’, de IAA, un quinteto moi heteroxéneo formado por estudantes universitarios e de ensino secundario que crearon o seu particular multiverso arredor dunha autocaravana e dos seus exteriores.

Equipo curta "Portas" Foto: Gab Com USC Lugo

Unha vez resolto o VIII Findecurta, os autores das dúas propostas gañadoras teñen diante de si a posibilidade de participar coas súas respectivas curtas na próxima edición da Semana de Cine de Lugo, un evento no que poderán optar ao premio do público á mellor curtametraxe galega.

Alén das dúas candidaturas triunfadoras na última edición do maratón de cinema do Campus de Lugo, na que tomaron parte preto de 100 novos creadores, o xurado do VIII Findecurta, tamén distinguiu con cadanseu accésit as propostas ‘Multiverso’, de Tsuka Films, e ‘As cinco no anfi’, de Gabrieles Entelécticos, ao tempo que destacou a calidade técnica e artística das outras cinco pezas proxectadas no auditorio da Facultade de Veterinaria durante a sesión de clausura deste maratón cinematográfico promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural que recibe financiamento da USC, Vicepresidencia da Deputación Provincial e Concello de Lugo,