Cantos de Taberna
Os establecementos hostaleiros da rúa da Cruz recuperan os Cantos de Taberna o sábado 9 de febreiro, a partir das 20:00 horas
A convocatoria musical, coa que colabora o Concello, contará coa participación de catro agrupacións: Searas, Amigos do Caldeiro, Os Corenta e Chinco e Os do 13

Xaneiro 2019 A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente da asociación Lugo Monumental, Luis Latorre, e representantes de distintos establecementos hostaleiros da rúa da Cruz, convidaron á veciñanza a participar nunha cita coa que recuperan unha tradición popular: os Cantos de Taberna. Será o sábado, 9 de febreiro, a partir das 20:00 horas. 

A convocatoria musical, coa que colabora o Concello, contará coa participación de catro agrupacións de música popular galega para animar o ambiente nos distintos establecementos: Searas, Amigos do Caldeiro, Os Corenta e Chinco e Os do 13, entre as 20:00 e as 23:00 horas.

No evento colaboran distintos locais que teñen barra e espazo adecuado para estes Cantos de Taberna: Bulló Xantar, Millenivm, Karrusel, As Cinco Vigas, O Castor Taberna, People e A Tasca.

Os Cantos de Taberna son unha tradición nacida espontáneamente nos anos 50, en que grupos de amigos se reunían os sábados para tomar unhas tazas de viño nos locais do casco histórico de Lugo e tamén para cantar. Desapareceron a finais dos 70.