Presentada a cuarta edición do Culturban. A mostra de arte na rúa posta en marcha pola área de Cultura realizou nos últimos 3 anos unha decena de murais en medianeiras da cidade.
Combate Mural. Edición 2020.

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto con Alexandre Penas, concelleiro de Infraestruturas  Urbanas e Iago Eireos, coordinador do Espazo LUPA Arte presentaron a cuarta edición do Culturban, a mostra de arte na rúa posta en marcha pola área de Cultura.

Arroxo fixo balance do traballo feito nas últimas tres edicións, “cunha decena de murais realizados nas medianeiras de toda a cidade, 21 cadros de luz decorados por artistas locais e tres combates murais que achegaron aos mellores artistas da nosa contorna”, explicou Rubén Arroxo.

Culturban é unha mostra de arte urbana que propón explorar e descubrir a contorna de Lugo con actividades artísticas, accións e experiencias urbanas diferentes que transforman a cidade, convertendo Lugo nun lugar vangardista, participativo e amable.

 A programación da cuarta edición bota a andar con novas propostas e actividades xa consolidadas que encherán as rúas de cultura en diversos formatos.

O muralismo, plato forte do Culturban, volve nesta cuarta edición cun total de catro medianeiras nas que intervir con murais de gran formato. Este ano contarase con dúas fachadas de 170 e 190 metros cadrados, xunto con outras dúas de 100, nas que catro artistas de recoñecida experiencia poderán realizar as súas obras.

O Culturban 2023 contará cunha nova edición de Portas Abertas, onde ao longo de 4 xornadas, as e os artistas e creadores de Lugo abrirán as portas dos seus obradoiros e espazos de creación para que a veciñanza poida coñecer o seu proceso creativo.

Volverá un ano máis o Combate Mural, onde se seleccionará a 10 artistas para que durante unha xornada compitan pola realización do mellor mural. Como novidade, a programación deste ano incluirá intervencións artísticas no mobiliario urbano, accións repartidas pola cidade que buscan o factor sorpresa para realzar e ilustrar os espazos urbanos.

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto con Alexandre Penas, concelleiro de Infraestruturas  Urbanas e Iago Eireos, coordinador do Espazo LUPA Arte presentaron a cuarta edición do Culturban