A Deputación de Lugo abre o prazo de reserva para as rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra, que comezarán o 19 de marzo

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, anunciou que xa está aberto o prazo de reserva das dúas rutas fluviais que ofrecerá a institución provincial polos ríos Miño e Sil a partir do día 19 de marzo e ata finais de ano. As persoas interesadas en coñecer a Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da Deputación de Lugo xa poden acceder á páxina web reservas.rutasembalses.es, ou ben de luns a venres, de 09:00 a 14:30 horas, no correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou no teléfono 982.260.196.

O servizo de catamarán funcionará adaptándose ás medidas establecidas polas autoridades sanitarias en cada momento e seguindo protocolos propios da institución provincial no marco da súa actuación para extremar a prevención e a contención da Covid-19. Ao igual que a temporada pasada, o aforo das embarcacións verase reducido á metade e a frecuencia das
viaxes está adaptada para evitar que nos embarcadoiros se produzan concentracións de persoas. Manteranse os dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que transita polo Saviñao, Pantón e Chantada.

Rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra
Fonte da foto: facebook de Turismo Deputación de Lugo

No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas 107 no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 72 viaxeiros. Será obrigatorio o uso de máscara durante toda a viaxe e realizaranse servizos de desinfección para previr o contaxio pola Covid-19.

No mes de marzo, navegarán do venres 19 ao domingo 21 e do sábado 27 ao mércores 30, mantendo os horarios de mañá e tarde. Nos próximos meses de abril e maio as rutas serán de mércores a domingo e, con motivo do Día das Letras Galegas, tamén o luns 17 de maio. En xuño, xullo, agosto, e ata o 12 de setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 12 de setembro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar de mércores a domingo con dúas viaxes por día.