A Aula de Teatro USC-Lugo celebrará os vindeiros días 17 e 19 de outubro dúas clases abertas de carácter gratuíto nas que poderá participar calquera persoa interesada na actividade teatral e en recibir formación con actor ou actriz.

A responsable da Aula de Teatro USC-Lugo, Andrea Mariño, será a encargada de guiar estas sesións formativas, que se desenvolverán en quenda de tarde, de 19.30 a 21.00 horas, nas instalacións da Aula de Teatro e Danza da Facultade de Veterinaria.

Estas clases abertas, durante as que tamén se achegará información respecto das actividades teatrais que está previsto desenvolver ao longo do curso, servirán tamén para traballar cuestións relativas ao adestramento teatral do corpo e da voz, a construción de personaxes e mesmo a creación de escenas.

As persoas interesadas en participar nestas clases abertas poden solicitar máis información ao respecto a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es