A delegación de Lugo de ADEGA da comezo este domingo o programa de roteiros 2022/23 que leva por título “Depredación da natureza ou autosuficiencia”.

Nos últimos anos os intereses económicos son o compás de políticas colonialistas que co obxectivo de converter o rural nun gran polígono industrial, destrúen a biodiversidade e as formas de vida tradicionais.

A eucaliptización, o negocio dos lumes, a implantación dunha fábrica como Altri na Ulloa, ou a actual vaga eólica son algúns dos temas que levarán neste curso polas provincias de Lugo e Ourense.  Coñecer parte dos valores ambientais que poderían perderse, en colaboración con entidades e colectivos locais que que loitan por defender o territorio dos continuos ataques do sistema capitalista.

O programa de roteiros

– 16 de outubro. “O Courel revive sempre” (O Courel)

– 20 de novembro: “ O corazón da Galiza. Biodiversidade, auga e terra” (A Ulloa)

– 18 de decembro: “O Miño ameazado en orixe” (Meira)

– 15 de xaneiro: “Mámoas e petróglifos: custodiando ós nosos ancestros” (Friol)

– 26 de febreiro: “A depredación a mantenta das nosas florestas” (Lugo)

– 26 de marzo: “As aves na trampa do vento” (A Mariña)

– 23 de abril: “A Fonte Sagrada” (Fonsagrada)

– 21 de maio: “Biodiversidade ameazada polo lume no parque natural” (O Invernadoiro)

– 25 de xuño: “A loita dun pobo, gañar e perder” (Castrelo do Miño)

Os roteiros de ADEGA Lugo

Os Roteiros de ADEGA-Lugo son andainas pola Natureza que organiza a delegación de Lugo da organización ecoloxista ADEGA desde hai máis de 20 anos e que están dirixidas á poboación de todas as idades, co obxectivo principal de achegar as persoas á súa contorna natural para que coñezan os valores naturais, patrimoniais e culturais que enriquecen e identifican o noso territorio.

Información e reserva da praza

Na propia bitácora de Roteiros de ADEGA-Lugo (roteirosadegalugo.wordpress.com) irase actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar a reserva.

As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 13h do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.

Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos.

Prezo xeral: 18€; Socios/as de ADEGA: 12€; Estudantes ou en paro: 15€; ata 14 anos: 5€.

Para máis información, tamén se pode chamar ao teléfono 982 240299 ou escribir a adegalugo@adega.gal.