O Vello Cárcere acollerá o IV Festival de Poesía das Lupercais
Dende Cuba a Castela, dende Perú á Ribeira Sacra, chegarán ao Vello Cárcere un ano máis algunhas das máis importantes voces da poesía contemporánea.

Sábado 03 de maio – entrada gratuíta até completar aforo.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que o Vello Cárcere acollerá o IV Festival de Poesía das Lupercais, «unha das iniciativas máis relevantes do panorama poético lucense na actualidade», afirmou.

A actividade, que terá lugar o 3 de maio nas instalacións do Cárcere, reunirá en distintos horarios a 12 poetas, e nesta ocasión contará co peruano Gian Pierre Codarlupo, facendo un oco á poesía migrante.

PROGRAMA

Desta volta contará coma sempre con versos procedentes da provincia, dende a chaira como Martiño Maseda, até a montaña, como Toño Núñez. 

Con poetas achegadas a Lugo hai xa anos, coma Tere Larios, até aquelas que marcharan e que regresan cunha enchenta de libros baixo os brazos, coma Mónica Raquel Vázquez. 

E máis voces galegas, que van dende algunhas de longo consolidadas, coma Mariña Pérez Rei, até outras acabadas de debutar no libro de poesía, coma Jose||González. 

Voces e balbucios, coma a poesía para ouvir e mirar de Luz Pichel e Quico, e coas que repensar as fronteiras e os mares que xunten e non separen, aí María Ángeles Pérez López e Gian Pierre Codarlupo e Marcelo Morales.

O encontro mesturará palabra, paisaxe, comunidade e resistencia nunha instalación cultural relevante como o Vello Cárcere.

Festival organizado pola Asociación Poética das Lupercais co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.