A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, informou de que se sigue a traballar na campaña Lugo Km 100, que pretende ser “unha aposta seria para fomentar o turismo e poñer en valor a cidade e os diferentes camiños a Santiago que a atravesan”. “Son catro os camiños de Santiago que atravesan Lugo, e ademais, na cidade contamos con tres patrimonios da humanidade: a Catedral, a Muralla e o Camiño Primitivo”, lembrou Maite Ferreiro, que engadiu “isto fai de Lugo un atractivo turístico de primeira orde dentro do denominado turismo de interior co que moi poucas cidades poden competir”. A edil de Cultura afirmou que “dada a situación sanitaria, estamos traballando no turismo sostible e de proximidade, mais queremos reforzar a imaxe de Lugo de cara ao futuro”
Maite Ferreiro informou de que a axencia de ferrocarril italiana, Ferrrovie dello Stato Italiane S.p.A. presentou un recurso ante o rexistro da marca, defendendo que se pode crear confusións cunha das súas marcas comerciais denominada NUGO. A edil de Cultura afirmou que “desde a área de Cultura, en colaboración cos servizos xurídicos continuaremos co trámite de Lugo Km 100, entendendo que non poden xerarse situacións que leven á confusión de ambas marcas”.
“A denominación Lugo fai referencia a unha ubicación xeográfica”, afirmou a edil de Cultura, que engadiu “entendemos que a área de Cultura do Concello de Lugo ten dereito a utilizar o nome do propio concello nas súas campañas”. Ao respecto disto, Maite Ferreiro lembrou que “o Concello de Lugo ten rexistrado marcas en multitude de ocasións sen existir nunca risco de confusión”.